Saturday 27 de April de 2024

A Pobra aposta por un proxecto de inserción sociolaboral no sector primario


A Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal, en colaboración coa Federación Rural Galega (Fruga), implantará no municipio un proxecto de inserción sociolaboral colectiva baseada na produción e comercialización de cultivos vexetais baixo os criterios da agroecoloxía, o cooperativismo e a economía social. Segundo fixo sabe-la concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), para o deseño e a posta en práctica desta iniciativa configurouse, dende unha perspectiva de intervención socioeducativa baseada na participación e no apoderamento colectivo, un equipo multidisciplinar formado por Gabriel López García, membro da Fruga e labrego cunha dilatada traxectoria na produción agroecolóxica e no desenvolvemento de prácticas autoxestionadas de comercialización; Kylyan Marc Bisquert Pérez, educador social e doutor en Educación, especializado en procesos participativos, iniciativas socioeconómicas e movementos sociais asociados á agroecoloxía; Sergio Sánchez Taboada, activista en distintos ámbitos de consumo e produción agroecolóxica, así como unha das tres primeiras persoas de Galicia que contan coa titulación do posgraduado en Dinamización Local Agroecolóxica da Universitat Autónoma de Barcelona; e Valle Marcos García-Conde, educadora social con experiencia na intervención socioeducativa con distintos colectivos e no ámbito da inserción sociolaboral. Neste senso, a edil apuntou que se trata dun proxecto “moi completo, con persoas que coñecen o sector primario e acompañamento de educadores sociais”, cuxo obxectivo principal radica na inserción de persoas vulnerables.

Doutra banda, Kylyan Marc Bisquert, quen forma parte do equipo xa referido e pertence ao Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea), explicou que o referido proxecto nace, ademais de como resposta ás necesidades específicas no eido de inserción laboral detectadas no ámbito municipal polo persoal técnico do Concello, para facer fronte á actual crise ecosocial global que afecta distintos eidos.

A iniciativa componse de tres eixos: unha formación práctica no terreo sobre a produción agroecolóxica de cultivos vexetais; un posterior acompañamento, supervisión e asesoramento na xestión dos cultivos no terreo; e unha dinámica de intervención socioeducativa baseada na dinamización e asesoramento técnico para a inserción sociolaboral colectiva a través de modelos asociados ao cooperativismo e á economía social. A edil indicou que, no que respecta á parte práctica, o Concello asinará un convenio de cesión para a disposición de leiras para os cultivos.

Como antesala do inicio deste proxecto, desenvolveranse unhas xornadas formativas tituladas Agroecoloxía: autoemprego colectivo para unha vida digna e sustentable, que terán lugar nos días 17 e 18 de decembro na Pobra e que están abertas a toda a cidadanía en xeral. Estas estrutúranse da seguinte maneira: na mañá do día 17 desenvolverase unha xuntanza de traballo entre o equipo formado arredor do proxecto e persoal técnico das áreas do Desenvolvemento Local e dos Servizos Sociais; nesa mesma tarde efectuarase un encontro aberto ao público para coñecer e compartir puntos de vista, experiencias e expectativas; na mañá do día 18 procederase cunha visita interpretativa de aproximación á leira e ao deseño dos cultivos vexetais de base agroecolóxica; e a última sesión será pola tarde arredor das canles curtas de comercialización, o emprendemento colectivo e a economía social.

O programa detallado cos horarios e espazos nos cales transcorrerán estas xornadas formativas publicaranse proximamente na páxina web www.apobra.gal. Para máis información, habilítase o teléfono de contacto 981377610.